martes, 20 de diciembre de 2016

Fin da primeira rolda


Chegou decembro, xa se ventan as vacacións, e todos aqueles e aquelas que participamos no club de lectura "A raia" reunímonos o pasado luns 12 por última vez neste ano que xa está a rematar. Para celebrar que xa levamos tres meses lendo xuntos, conversamos sobre a nosa lectura actual, Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, mentres dabamos conta dunha sobremesa caseira ben saborosa. 

Quedaramos en ler a metade da novela para esta reunión, pero xa houbo algún lector/a ansioso/a que non puido resisitir e rematou a historia. Isto é moi bo sinal. Esperaremos a rematalo todos e todas para contar a nosa impresión final, pero a cousa pinta ben.
Neste primeiro acercamento ao relato buscamos nun mapa de Galicia todos os lugares que se mencionan: Viveiro, Santiago, Pontedeume... e axudámonos da rede para descubrir onde veñen estando outras cidades coma Trieste, Quebec ou Berlín. 
Rimos moito, aprendemos e desfrutamos dun bo ratiño xuntos, que é do que se trata. Ademais esta última semana un lector e dúas lectoras decidiron unirse ao noso grupiño: Benvido e benvidas!
Todos e todas nós desexámosvos un novo ano estupendo cheo de moitas e boas lecturas. 



miércoles, 16 de noviembre de 2016

Encontro lector de novembro

O pasado luns 14 de novembro o club de lectura Na raia reuniuse para comentar a primeira lectura conxunta: A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. A verdade é que a historia non foi moi do gusto dos nosos lectores e lectoras. Velaquí tendes algúns dos seus comentarios ao respecto:
Resultado de imagen de a mansión dos pampín- "Principio gracioso, final soso". Iria.
- "Empeza ben pero vai perdendo forza". Elsa.
- Inicio algo entretido e final aburrido e  pouco tráxico". Mauro.
- " O alcalde e o constructor deberían recibir algún escarmento". Ainhoa.
- "Gustoume na 3ª lectura, pois foi entón cando o entendín realmente". Carmen María.
Mauro, ademais, propúxonos un final alternativo, no que os Pampín tentarían vender a casa a un descoñecido, que os engana e fai que acaben no cárcere. O pai morre, a nai tolea e a filla escribe a historia e logo suicídase. Xa vedes que os nosos lectores na rai danlle moito ao maxín.

Resultado de imagen de cartas de invernoPor outra banda, os rapaces e rapazas recibiron cadanseu exemplar da que será a nosa próxima lectura, escollida por eles mesmos no encontro anterior, e que non é outra que Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz. Comezamos a ler xuntos as primeiras páxinas e todos estamos de acordo en que a cousa promete. Xa vos iremos contando! E lembrade, aínda estades a tempo de incorporarvos ao noso grupiño.

martes, 18 de octubre de 2016

Primeira reunión, primeira lectura




Onte os membros de "Na raia" celebramos a nosa primeira reunión "oficial". Falamos sobre o que faremos durante o curso, escollemos as nosas próximas lecturas entre todos, rimos e fixémonos co que vai a ser a nosa primeira lectura conxunta: A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado. Acordamos lela en dúas semanas, e comezar coa seguinte, que xa contaremos cal é. Por certo, agradecemos moito ao CEIP A Sangriña que nos prestaran algúns exemplares.
Se alguén se anima a unirse ao noso grupiño falade coas profesoras Gisela ou Neves. 


lunes, 10 de octubre de 2016

PRIMEIROS PASOS DOS LECTORES "NA RAIA"


Resultado de imagen de lectura

O pasado xoves 6 de outubro quedamos no recreo para coñecernos e falar un pouco de como imos plantexar esta andaina lectora. Polo de agora somos un grupo pequeno pero ben xeitoso de alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO e dúas profesoras que nos imos xuntar un luns cada mes para compartir lecturas e algunha cousiña máis. Se aínda queda por aí algún despistado ou despistada que esqueceu ese primeiro encontro, aínda estades a tempo de vos apuntar a pasar un bo rato con nós. ¡Animádevos! Celebraremos a nosa primeira reunión o luns 17 de outubro ás 14:40 na Bibliotegra, a biblioteca do noso centro. Se estades interesados, poñédevos en contacto coas profesoras Gisela González ou Neves Rodríguez.